Novos enfoques para os estudos feministas sobre as migracións internacionais
Facultade de Socioloxía, Salón de Graos · Universidade da Coruña

O seminario internacional "Mobilidades, reprodución social e desigualdades globais: novos enfoques feministas para os estudos das migracións internacionais" ten como obxectivo promover un espazo de debate académico e reflexión crítica en torno ás relacións entre xénero, migracións, coidados e desigualdades globais. A actividade insírese na liña de investigación desenvolvida nos últimos anos polo equipo de investigación Sociedades en Movemento (ESOMI) da Universidade da Coruña e pola banda de investigadoras Mulleres á Fronte (composta por investigadoras das tres universidades galegas: Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo), que veñen impulsando diferentes iniciativas de investigación, cocreación e diálogo social centradas nas experiencias das mulleres migrantes, o traballo de coidados, a reprodución social e as desigualdades que atravesan os procesos migratorios contemporáneos. Neste sentido, o seminario dá continuidade a debates e a esforzos investigadores previos, consolidando unha liña de traballo que combina a investigación académica coas intervencións artísticas, ambas enmarcadas nos estudos migratorios e enfoques de xénero e feministas en colaboración con organizacións sociais (ONGD) e colectivas migrantes.
O seminario reunirá investigadoras e especialistas de universidades de 8 países (Estados Unidos, México, Brasil, Arxentina, Cabo Verde, Francia, Portugal e Alemaña), e as relatoras caracterízanse pola súa achega multidisciplinar dentro do campo das ciencias sociais —a socioloxía, a antropoloxía, a ciencia política, a economía, os estudos de xénero e a xeografía—. Ademais, contará coa participación de activistas polos dereitos das persoas migrantes, profesionais do terceiro sector e administracións públicas que loitaron, analizaron, lexislaron e traballaron para mellorar e ampliar os dereitos das traballadoras do emprego do fogar en España. O seminario márcase tamén como finalidade abordar problemáticas sociais e matrices de opresión que conectan as preocupacións dos estudos feministas —reprodución social, ciclo de vida, traballo de coidados, igualdade no mercado laboral— cos principais temas de estudo do campo migratorio —procesos de exclusión/discriminación e racismo, as políticas migratorias, a voz das mulleres migrantes, as políticas de integración de migrantes, o acceso aos dereitos sociais das poboacións migrantes, a vellez nos procesos migratorios, a feminización nas migracións, etc.—. A través de sesións dedicadas á reprodución social, o traballo de coidados, o envellecemento das mulleres migrantes, as mobilidades Sur-Sur ou a colonialidade do coñecemento e do xénero, o evento pretende contribuír á produción e circulación de coñecemento crítico sobre as dinámicas globais que configuran as desigualdades de xénero e/ou migratorias. O seminario tamén contou cunha chamada a comunicacións aberta que incorpora a presentación e discusión de 5 relatorios de investigadoras da Universidade Nova de Lisboa (Portugal), Université de Poitiers (Francia), Universidade da Coruña (España), Universidade Libre de Berlín (Alemaña) e do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Este espazo de debate conta co apoio económico das seguintes entidades: Instituto das Mulleres-Ministerio de Igualdade (19-2ACT-26, convocatoria de subvencións públicas para a realización de actividades no ámbito universitario relacionadas coa Igualdade, 2026, PAC2026. INMUJERES); Concellaría de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña a través do convenio co Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) da Universidade da Coruña, Vicerreitoría do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social da Universidade da Coruña; Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña; Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (Xunta de Galicia), a través do Programa de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas (ED431C 2026/26 e ED431F 2026/27) asociadas ao Equipo de Investigación de Sociedades en Movemento (ESOMI) da Universidade da Coruña; o proxecto de investigación I+D+I "Mulleres Migrantes e traballo esencial en España. Implicacións para as políticas migratorias, o exercicio de dereitos e os coidados transnacionais na pospandemia" (I.P. Antía Pérez Caramés, UDC-ESOMI, CISPAC, CEXEF, PID2023-148591NB-I00) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Finalmente, este seminario tamén se enmarca dentro dos obxectivos de divulgación de resultados do proxecto: Proxecto MUMICU (Cód. 39-03-ID25): "Coidando a quen coida. A vellez das mulleres migrantes traballadoras dos coidados", financiado polo Instituto das Mulleres, Ministerio de Igualdade (convocatoria 2025).
COORDINADORAS SEMINARIO
SECRETARÍA TÉCNICA DO SEMINARIO
COMITÉ CIENTÍFICO
COMITÉ DE ORGANIZACIÓN
Contacto: mulleresafronte@gmail.com